Página principal Os libros/pelis de Sisebuta

venres, 11 de decembro de 2015

O martes festivo

O martes; que era festivo; non fixen nada. A pesar diso metinme na cama ás nove. Normalmente, e a pesar do moitísimo que madrugo, irme para a cama tan cedo soe funcionar mal. Esperto a iso das dúas ou tres da mañá e cando voltaría engancha-lo sono xa me teño que erguer. Pero o mércores espertei ás catro da mañá, din a volta e seguín moneando ata iso das cinco. Entón levanteime ao baño e anque tentei voltar para cama as miñas tripas xa estaban espabiladas e querían festa.
Erguinme ás cinco e cuarto, arranxeime con calma e sen sono e saín da casa ás sete menos cuarto, hora á que debería sair sempre pero non o consigo, e fichei entrada tres minutos antes da hora. Estiven ben ate iso das once. Entón empecei a sentir un cansanzo moi grande en todo o corpo e non só nas pernas que é o normal.
Para cando cheguei á casa, trás unha mañá espantosa tratando de que non se deran conta do mal que me atopaba ao tempo de tentar estar sentada mais tempo do exisido polo meu traballo, metinme na cama.
[Tentar de que non se decaten do mal que me poida atopar é importantísimo."Estoulle roubando o traballo a unha persoa sa que podería facer mais cousas ca min no mesmo tempo". O certo é que controlan o tempo que me leva face-las cousas. Non me parece que anden a controlarse entre eles, pero eu son unha “enchufada”: Discriminación positiva para discapacitados nas oposicións]
Dende as catro da tarde ate as seis menos vinte do día seguinte, erguínme unha hora e media para comer algo e face-los exercicios de rehabilitación coa esperanza de... non sei moi ben de que.
Non durmín todo o tempo, pero o meu corpo non quería erguerse.
Hoxe estou mellor. Cansada, coma sempre. Con problemas para ir ao baño, coma sempre. Pero unha chisca mellor da vista: parece que podo enfocar algo o que vexo. Onte non, caia para os lados e tiña gañas de vomitar. Espero non ter que comunicar un novo brote. Hai tres meses dous gramos de cortisona coméronseme un mes de regra. Cos meus anos pensei que era a menopausia, pero non (teño unha análise que o proba). Como non quixen nunca fillos e me parecía un engorro a regra, non vía a menopausia coma unha moi mala idea. Agora atérrame: os meus ósos non poderán aguantar tanto.

2 comentarios:

  1. Quéresme explicar porque eu non sabía nada desto???
    pd: só tes que aguantar ate que esa mediciña experimental chegue a España (deberías falar dela).
    Lémonos!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Estana a probar en Cataluña, baixo as ordes dun galego. Non é broma.

      Eliminar