Página principal Os libros/pelis de Sisebuta

venres, 12 de febreiro de 2016

O hospital I

Cando en urxencias me dixeron que me ían ingresar o que lle preguntei á enfermeira foi se me podían dar de cear. Foi unha pregunta rara pero é que xa pasaba moito da hora da comida e mesmo da cea no hospital, pero eu estaba famélica e para variar non me cortei e humilleime pidichando comida. Non son tola da comida, pero é que eran as 20:30 e dende o leite con galletas do almorzo non comera nada. Se ía morrer, mellor coa panza chea. O de morrer non o tiña moi claro, nin para un lado nin para o outro. Vamos, que estaba moi mosca.
 Foi a primeira vez que estiven hospitalizada. Non estivo tan mal a pesar de que non sabía o que tiña e estaban a pasearme entre os dous hospitais nunha ambulancia (só nos faltou a sirena). Nun estaba ingresada e no outro facíanme as probas (moitas probas). Viaxei un montón en ambulancia.  Estiven unha semana, e eu que apenas teño vida social nin amigos, coñecín xente. Non saía da habitación porque xa non era quen de camiñar. A primeira noite estiven acompañada dunha tarada que tivo a tele encendida toda a noite, eso si sen voz para deixarme durmir. Que ben! Por suposto non peguei ollo en toda a noite. Pero iso so foi o comezo dunha semana na que os médicos conseguiron deixa-lo meu corpo e ánimo no limite de dexesar unha morte rápida.

Porén, con respeto aos outros pacientes, tra-la primeira noite quedei soa na habitación e puiden durmir ben. As pilulas axudaban. Polo día había unha señora e un rapaz. Ambolos dous asomaron o peteiro pola miña habitación e coma non fun borde, decidiron adoptarme. Case sempre estaba soa e nunca me mobía da cama. Estaba moi asustada para sacar a miña vena de bruxa e resistirme á compaña que me ofrecían un par de persoas terriblemente faladoras e que so precisaban alguén que escoitara e non falara moito. Eu tampoco tiña nada que dicir. Non me doia nada (aínda), aburríame e contaban cousas... tráxicas, divertidas, interesantes, que me facían deixar de pensar en eu, eu, eu constantemente. Entereime, por exemplo, de que a señora estaba hospitalizada porque tiña que tomar sete pilulas para cousas distintas ao longo de todo o día, pero coma era un lío ela tomaba as sete xuntas pola noite. Creo que antes de lle dicir "por Deus non faga iso", me rín.

Cando se cansaron de carrexarme dun hospital para outro, por fin chegaron a unha conclusión. O primeiro que me dixeron é que tiña que asinarlles un permiso para facerme unha punción lumbar. Cometín o gravisimo erro de ler o papel que estaba asinando. Unhas compañeiras de traballo que me viñeron ver, contaronme de casos de coñecidos aos que lle doera a morrer, e aínda por riba non te podias mover. Animaronme moito!. Con aquel torrente de información non desexada e moi inquietante, por fin se me presentou o neurólogo a avisarme de que tiña excelentes novas: non tes ELA, so tes Esclerose Múltiple, que é para toda a vida. Agora sei que si eran boas novas. Naquel intre, non sabendo o que era a ELA nin a EM, nin nada de enfermidades que non fosen catarro, gripe ou reuma, o único que podía escoitar era "para toda a vida". Seguramente dixo enfermidade dexenerativa (non me lembro). Estaba sentada nunha butaca das que usan as visitas e non preguntei nada. Pedinlle un tranquilizante.


Ningún comentario:

Publicar un comentario