Página principal Os libros/pelis de Sisebuta

mércores, 2 de novembro de 2016

O hospital III

A pilula foi un exitazo, pois mentres o médico me metía unha agulla mais grande que as dos debuxos animados polo lombo, eu veña facerlle preguntas. Xa nin me lembro do que preguntei, pero non é boa idea distraer a unha persoa que che está a meter cacho varal nas costas.
A punción foi ben. Non me doeu, anque posteriormente o pasei fatal porque nin médicos nin enfermeiras se molestaron en dicirme que despois dunha punción hai que beber moita auga e estar en reposo absoluto. Non bebín nada e andiven de paseo polos corredores do hospital. Anos despois soubeno polo enfermeiro que me estaba a poñer o tratamento, que é das poucas persoas coas que topei no hospital que non se cre o embigo do mundo. Lástima que xa non sexa o meu enfermeiro!.

O caso é que despois da punción me deron a alta e me mandaron para a casa sen dicirme nada da enfermidade que xa sabían que tiña e coa mais incrible dor de cabeza que tiven en toda a miña vida. Era coma si o meu cerebro se expandira ao dobre do seu tamaño, mantendose o craneo inalterado. E de agasallo estaba tan extreñida que mesmo rematei sangrando.

Total, que me ingresaron arrastrando unha perna e me botaron sendo levada collida por dúas persoas, unha por cada brazo, porque eu non era quen de andar, nin abri-los ollos. Parecia un preso saindo dunha sala de tortura arrastrada polos guardas.

Estiven unha semana na casa... camiñando mais dun quilometro diario sen coxear (foi a primeira e última vez que a cortisona me fixo tanto efecto). E andiven a ler en internet sobre a esclerose. Grande erro. Canto mais lía, mais me deprimía, e acabei chorando moito. Agora so leo os artígos sobre os avances na investigación. O demais xa o fun descubrindo a base de sopapos. Tratei de buscar algunha páxina onde a xente falara da enfermidade coa idea de compartir experiencias e "trucos" de supervivencia, pero atopeime con que os enfermos prefiren falar de calquera cousa agás da enfermidade, coma se a ignorancia fose un puntazo e compartir experiencias non puidese axudar en nada.

Unha semana despois chamoume o meu neurólogo e confirmoume a enfermidade sen explicarme moito mais dela. Mesmo coido que me mentiu falandome dunha enfermidade crónica. É dexenerativa. É unha palabra dura, pero é o certo.